.

enenenen

 

 

SANAA. Apartamentos Okurayama

Jan 2nd 2011
No Comments
responder
trackback

A nosa viaxe ao Xapón escomeza coa que en 1930 realizou Bruno Taut para escribir o seu libro “A casa e a vida xaponesa”, e se a viaxe nos levou a lugares que aínda explican espazos tradicionais como os que visitou, queriamos facernos a mesma pregunta que il fixo hai case 80 anos: Como é hoxe a casa xaponesa?, como habitan os xaponeses?. Descubrir se o que en Europa se publica como vivenda contemporánea conserva algún trazo tradicional, se responde realmente aos modelos residenciais máis comúns, ou simplemente forman parte de imaxes descontextualizadas fabricadas por e para a publicidade editorial.
O que nos encontramos nas nosas visitas a diferentes casas, en distintos contextos urbanos e rurais, é unha redución de espazo, unha mestura entre a necesidade que impón a extensa xornada laboral e a que achegan os costumes familiares, nas que perviven os espazos de relación e os cuartos sobre a base do tatami, e a compartimentación do baño cun espazo para espirse e outro de aseo. A pesar da redución do espazo residencial, nas grandes cidades aínda se manteñen espazos previos de entrada entre a rúa e o recibidor, e tránsitos entre o lugar de reunión familiar e os cuartos. Non son tan complexos nos seus xogos de sombras e alturas como os que aínda se encontran en vivendas tradicionais, pero conservan o tránsito entre diferentes privacidades.
Mesmo en novos apartamentos, como os Okurayama de SANNA, as regras entre o espazo privado do xardín e a rúa se manteñen disociadas, a pesar de ser o límite un bordo que visualmente non interrompe a visión do patio. Ao interior, os apartamentos responden á necesidade de reducir espazo nun contexto de alta densidade, gañando ventilación e luces, e aínda así realízanse os tránsitos entre as pezas adelgazando e ampliando a forma da casa. Nese contexto nin sequera a forma do bloque é estraña, a pesar do conxunto de vivendas a varias augas que o rodean cubertos con tella. A artificialidade deses barrios periféricos admite estes xogos de altas e baixas densidades nos que a fachada apenas se significa, porque a rúa ten unha dimensión mínima, sen beirarrúas nin outros espazos de relación.

Apartamentos Okurayama. SANAAfrom edicions espontaneason Vimeo.

En Europa sorprende o reducido do espazo habitacional das casas xaponesas e a combinación dos elementos do seu programa residencial, cando aquí estamos a falar de estender certos usos residenciais do bloque de vivendas fóra dos apartamentos, ou incluír os comportamentos das novas estruturas familiares, en Xapón esa busca expansiva é introvertida, causada por un contexto moi humanizado. Nas novas propostas de arquitectos como Sou Fujimoto, Kazuhiro Kojima, Shigeru Ban, ou estas de Kazuyo Sejima e Ryue Nishizawa (SANAA), a aparente complexidade da repartición de estanzas da casa disgregándo, estendéndo sobre a parcela, reducíndo ou combinándo para manexar a intimidade dos habitantes en espazos reducidos e múltiples, é o resultado da necesidade de apropiarse dun espazo en condicións moi limitadas de habitabilidade. Adelgázanse as paredes, ábrense grandes ocos ou elimínanse as portas para que pequenos cubículos gañen visualmente o espazo da rúa ou doutras partes da vivenda, ensanchando así a súa percepción. Cando se percorre en tren esas periferias extensas de baixa densidade, ou mesmo en pequenas vilas ou aldeas, un explícase a aparente normalidade deses proxectos, nacidos da necesidade dunha convivencia masiva.

CASA MORIYAMA. SANAA

CASA NUN HORTO DE AMEIXEIRAS. SANNA


, , , , , , , , , ,

Sen comentarios

Envia un comentario:

SANAA. Apartamentos Okurayama

EE funciona bajo Wordpress. Theme unstandard modificado y traducido por pgfernandez.es