A finais de Abril 2010 visitamos a capela que Jørn Utzon construiu en 1976 en Bagsvaerd, nos videos adxuntos podedes ver un percorrido dende a saída da estación de Bagsvaerd ata a capela e os seus espazos anexos.
Con aparencia de explotación agrícola, a parroquia e as súas dependencias ocupan unha parcela da zona de equipamentos nun suburbio aos arredores de Copenhague. Segundo contou o propio Utzon, os dous párrocos da vila presentáronselle dicindo que os habitantes de Bagsvaerd estiveran 25 anos aforrando para construír a súa igrexa.
O espazo principal e as dependencias están arodeados por un perímetro de circulacións de dobre altura que discorren de xeito ortogonal, cubertas en toda a súa extensión con lucernarios, de maneira que ao penetrar no recinto, antes de acceder á sala de culto, o exterior desaparece e o ceo se asoma sobre o formigón branco das paredes. Dous patios interiores organizan á súa arredor as dependencias. A sala principal está atravesada polas circulacións laterais, que botan luz sobre os costados. No centro, unhas dobras de formigón branco álzanse por enriba do altar e dos fieis ata romper contra o lucernario transversal.
Os fantásticos espazos que encerra esta construción prefabricada son un inspirador exemplo do bo uso dos materiais ao servizo dunha economia de poucos recursos. A súa aparencia industrializada encerra unha ampla diversidade de texturas e xogos luminicos, estanzas e usos medidos para agrandar a imaxinación e o silencio.
Jorn Utzon. Igrexa Bagsvaerd from edicions espontaneas on Vimeo.
ANALISE
ENTREVISTA
Arquitectura, Copenhague, Dinamarca, habitar, Jørn Utzon, sostenibilidade, Utzon
Sen comentarios
Envia un comentario: