25 CASAS DE GALICIA 1994-2004. Arquitecturas da urbanización difusa
Toni García*
"Un pobo atopase en estado de insomnio cando a súa cantidade global de soño diminuíu de xeito considerable. Ismaíl Kadaré, “Le Palais des rêves”
Dende a segunda metade do pasado século XX vivimos un intenso e acelerado proceso de urbanización a escala global, que se estendeu a grandes áreas do territorio entre cidades e rexións, tratando o solo rural a traveso da expansión de modelos urbanos, e difundindo os valores, comportamentos e sistemas de producción urbanos por todo o territorio.
A escomezos do século XXI o territorio continua usándose de xeito extensivo, a importancia das distancias decrece e as rexións tenden a converterse en lugares máis globais que locais. Entre outras consecuencias, esta situación provoca un incremento da mobilidade poblacional que trae como resultado a desaparición dos límites entre o rural e o urbano, e o aumento da suburbanización e da presión urbana no territorio.
Poderíamos dicir que o territorio está sendo construído cada vez máis e a ritmos máis veloces a través de un modo de ocupación fragmentaria, difusa, na que o papel da cidade se ve destacado como lugar de usos terciarios onde atopar servicios e equipamentos difíciles de repetir nun territorio cada vez mais ocupado con usos residenciais ou instalacións que requiren de grandes espacios imposibles de atopar nas cidades.
Estes novos territorios da difusión urbana están cheos de usos urbanos dispersos, sen vertebración nin formal nin funcional, hai quen os denomina non-lugares nos que a cidade desaparece como estructura e onde a natureza e a paisaxe perderon en gran medida a súa identidade. E en moitos deses lugares onde vivimos, onde se están construíndo as nosas casas, e crecen novas xeracións de habitantes. A evolución da técnica e da economía está trasladando ao territorio usos e funcións urbanas que non poden ser desenroladas nas cidades, que no afán de situarse segundo as súas necesidades fan da urbanización difusa o seu modelo territorial. En termos económicos os custes de esta extensión da urbanización son moi elevados, ao construírse cunha baixa densidade que non trae consigo un reequilibrio territorial senón unicamente consumo espacial, reducción do chan agrícola e forestal, artificialización da natureza e novas ocupacións do espacio rural que nono integran nas novas estructuras territoriais senón que destrúen o seu antigo equilibrio.
En maior ou menor grado o fenómeno da urbanización difusa, que pode definirse como a continuidade da urbanización e a especialización do territorio, repítese como si fose a “paisaxe” da anunciada economía global, sexa en lugares periféricos con menor tradición de ordenamento e planificación territorial, como Galicia, ou naqueles que si a posúen. Da súa comprensión como fenómeno de interese social e do seu ordenamento vai depender o futuro do noso desenrolo, e entre outras cousas, o equilibrio medioambiental e a habitabilidade urbana.
Pouco ou nada se nos di de como e cando escomezou este proceso, de quen é o seu responsable, de cales son as súas consecuencias futuras, de si esta é a mellor das alternativas para facer de un lugar un lugar habitable. Nada nos esiximos para sabelo e cando nos falan de futuro ninguén pregunta como nos organizamos, que modelo de país temos. Vivimos e non nos preguntamos como vivimos.