Xurdimos de xeito espontáneo, por necesidade de contar os moitos trocos que vivimos, vemos e aos que non atopamos resposta. Somos parte de unha xeración que pasa a súa xuventude en tránsito, habitantes de moitos lugares sen moito espacio para crecer no noso pais. Procuramos respostas para compartilas e coñecérmonos mellor. O desexo de pararnos a facer contas das nosas viaxes tróuxonos temporalmente de volta carrexados de proxectos de intercambio.
A idea de organizar unha editorial xurde en nós como necesidade para achegármonos a realidades diversas e a persoas que están a realizar unha obra que non atopa unha canle de expresión para o seu coñecemento. Interésanos o coñecemento, non o recoñecemento. Interésannos os que pensan e traballan en silencio. Interésanos amosar todo o que supoña un exemplo para a mellora da calidade de vida das persoas, e fomente a reflexión sobre as transformacións do territorio, os novos modos habitar, os lugares onde esto acontece, como habitamos e como poderíamos habitar mellor.
Esta editorial é un motivo máis de aprendizaxe sobre a nosa realidade. Nun mundo saturado de imaxes e información cada vez nos resulta máis difícil atopar voces propias con opinións propias, semella que os que non se expoñen non pensan e non teñen dereito a opinar. Existen moitos mundos e realidades sen palabra, ocultos aos ollos de todos. Nós queremos abrir unha porta para todos os que teñan algo que contar, e os que coma nós teñan dificultade para facelo.
Somos unha editorial que se adica a publicación da arquitectura e da transformación do territorio. Traballamos dende Galicia, un pais atlántico debuxado pola auga, as nubes e a choiva, un lugar cunha cultura densa, complexo e variado nas súas formas territoriais, vello na paisaxe que nos soporta, novo nos actuais procesos de extensión da urbanización e nas súas expresións que nos transforman a grande velocidade. Aqui e acola, pouco ou nada se nos está contando de que nos está acontecendo, de cales son as consecuencias futuras desas transformacions. Son moitas as cousas que nos suceden e as persoas que traballan con calma e ofrecen respostas. Nós queremos xuntalas todas e amosar o que fan, para coñecermonos mellor, e engadir un capitulo máis no estudio da diversidade de expresións e formas de construcción do territorio.
Toni García+Yolanda Somoza. arquitectos