.

enenenen

 

 

Vivenda Social en Galicia 1911-2012

Feb 3rd 2013
No Comments
responder
trackback

Pensar en futuro é sempre a ocasión para darnos conta das aportacions realizadas até o de agora, das necesidades non resoltas, e das prioridades que deberán ser planificadas. A vivenda en xeral, e tamén a vivenda pública, pese ao actual contexto económico, non se pensa unicamente coma un producto que satisfaga as nosas necesidades de habitar, senón coma mercancía para ser vendida, un capital que ten unhas expectativas de futuro e incorpora o valor do urbano que xenera. Non se fala da vivenda como necesidade social, senón coma un obxecto máis do mercado. Se en cen anos de construción de vivenda social observamos que o acceso á vivenda das clases con menos recursos nunca se deu por solucionado, e segue a ser un problema, faise necesario reflexionar sobre as solucións dadas. Con esa intención promovimos esta web e xurdiu a publicación do libro VIVENDA COLECTIVA VIVENDA PROTEXIDA, do que podedes ver extractos na web.

Co desexo de continuar a xerar debate vimos de organizar unha pequena exposición na Conselleria de Vivenda da Xunta de Galicia sobre a vivenda social, presente, pasada, e futura, un resumo a traverso de 37 actuacions feitas en Galicia entre 1911-2012, unha imaxe que pensamos como itinerante, con posibilidades de crecer, e coa intención de crear opinión ali onde se amose. Xunto con imaxes dela, publicamos aqui un extracto da nosa colaboración no programa MIRAXES da TVG, agradecendo á sua equipa o interese que puxeron en retratar alguns dos barrios de vivenda social, a súa transformación, e as persoas que dende eles están aportando unha visión creativa do seu contorno.


Barrios de vivendas sociais en Galicia from edicions espontaneas on Vimeo.

O acceso á vivenda é unha das preocupacións máis importantes a solventar socialmente, pero a nivel do debate arquitectónico, tamen territorio e cidade son cuestións ás que as novas xeracións de arquitectos nos acercamos coa curiosidade de comprender para estimular o contexto dos nosos proxectos, aceptando unha triste posición de espectadores, sabedores da actual imposibilidade de decisión sobre os mecanismos que as regulan e as inercias que a economía e o mercado impoñen. Hai tempo que os arquitectos nos repregamos sobre o deseño, cara o interior do espazo que envolven as nosas construcións, quedando fóra dun debate que deixou orfa á sociedade dunha visión máis humanista no aporte de solucións á mellora da habitabilidade dos entornos que usamos, e da definición dos grandes conceptos que dan senso á nosa profesión, como o significado de habitar, ou construír. Por iso o debate que hoxe en día se proxecta dende a arquitectura non é social, é obxectual e espacial, incluso nos arquitectos máis conscientes da súa función social, as solucións aportadas só tentan axeitar mellor o produto deseñado, procurando unha mellor relación entre o seu custo e o valor de uso, repensando unha e outra vez o bloque.

Esta exposición, a existencia desta web, un libro, calquera medio faise pouco para que se fale da necesidade de vivenda para todos. Pero non é suficiente para transformar a situación actual. Fronte ao mundo virtual que impulsa o consumo, e ao crecente individualismo da sociedade occidental, é cada vez maior o número de persoas que necesitan de vivenda e non poden pagala. Esa dicotomía, entre o desexo e a necesidade, fainos pensar nun futuro que pode mudar si a sociedade adquire protagonismo na toma das decisions que afectan á sua convivencia e benestar. A vivenda deberá ser un ben social, ao igual que a educación e a sanidade, ¿pode ser esto posible?, exemplos hai…


VIVENDA SOCIAL en GALICIA 1911-2012. EXPOSICION from edicions espontaneas on Vimeo.


, , , , , , , ,

Sen comentarios

Envia un comentario:

Vivenda Social en Galicia 1911-2012

EE funciona bajo Wordpress. Theme unstandard modificado y traducido por pgfernandez.es