.

enenenen

 

 

N-550. Unha casa non é unha cidade, pero unha cidade si pode ser unha casa

Sep 1st 2012
One Comment
responder
trackback

O 4 de Outubro ás 20:30h presentase na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago de Compostela a publicación “N-550. Da estrada á rúa”, o primeiro capitulo dun proxecto de investigación sobre a transformación territorial galega usando a estrutura física da vella estrada nacional 550 que de Norte a Sur une as áreas máis dinámicas do noso territorio en paralelo á autoestrada AP-9. preme aquí para coñecer máis.

Teño que agradecer aos impulsores deste proxecto, Xulio Turnes, Ramón Viéitez e Noemí Díaz, a súa invitación a participar neste primeiro libro que reparando nas vivendas illadas recolle unha reflexión sobre a modificación dos nosos hábitos residenciais en relación á nosa capacidade de mobilidade.

É moi meritorio que xente nova de distintas disciplinas se agrupe para amosarnos visións distintas sobre a transformación do uso que facemos do noso territorio, e máis meritorio si o fan dun xeito tan xeneroso, tendo como gran recompensa o coñecemento que aporta a súa viaxe, e a curiosidade que nos provocan.

Desexo que a súa faceta de “exploradores” da nosa realidade continúe moito tempo, e os seus descubrimentos nos sirvan para pensar nun futuro mellor.

A continuación sigue o artigo que fai parte deste primeiro libro do proxecto N-550, con il quixen reivindicar a vida en colectividade e poñer a atención sobre a necesidade de planificación a nivel supramunicipal inexistente no noso país, dando a entender que sen planificación calquera feito arquitectónico é un obxecto aillado, ao igual que a vida dos seus habitantes.

“Unha casa non é unha cidade, pero unha cidade si pode ser unha casa”

Toni García*

“O grado da lentitude é directamente proporcional á intensidade da memoria; o grado da velocidade é directamente proporcional á intensidade do olvido”.
“La Lenteur”. Milan Kundera, 1995

A lentitude e a paciencia son grados opostos aos da construcción actual do territorio en case que calquera lugar do planeta, non so polo crecemento poboacional e a extensión da urbanización, senón pola posibilidade de mobilidade dos seus habitantes e o aumento da frecuencia coa que se produce. Ao atravesar o resío da nosa casa o espazo da rúa muda cara o do automóbil canto máis lonxe vivamos do noso lugar de traballo ou dos espazos que usemos para relacionarnos. A xeografía resultante deste tránsito desmaterializa o noso corpo, os nosos hábitos, e a nosa forma de habitar; non é verdade que o coche nos ofreza aquí a liberdade de acceder e residir en calquera sitio conectado pola rede viaria, o que nos ofrece é a individualización deses actos, a perda da súa colectividade e da súa consciencia. Non xurde aquí un novo xeito de urbanidade, senón a súa fragmentación, unha división que ven ocupada pola dispersión de actividade urbana.

A cidade é un artificio colectivo, a ela levamos parte dos nosos hábitos, debera ser a extensión da nosa casa pero cando os seus habitantes non se asocian no espazo desaparecen as canles físicas polas que transitan, non existe máis a posibilidade de crear o corpo que permita a súa relación espacial. Esa perda de continuidade espacial non deixa que as diferentes pezas que compoñen ese tecido se interrelacionen, desaparecendo a complexidade e a transitoriedade gradual entre a pequena escala residencial e as grandes escalas. Neste percurso fragmentario, o coche máis que calquera outro medio de transporte incita á creación de territorios-itinerario, territorios personalizados a traverso do uso individual das redes, é neste punto onde a cidade deixa de ser un artificio colectivo para converterse nunha suma de fragmentos conectados pola distancia e polo tempo de desprazamento, onde a paisaxe entre fragmento e fragmento non conta, onde se descoñece a actividade e o uso dado polos seus residentes, mudándose dunha condición de habitante á de simple usuario dun espazo do que non se participa, polo que so se despraza.

Unha casa é un espazo civilizado, convertese nun refuxio cando se sitúa nun territorio hostil, pode ser un fogar se perviven nela as relacións entre persoas, e chega a ser unha residencia si se colectiviza; pero perde estes dous atributos cando se individualiza. Esta regresión da casa cara o refuxio é a que atopamos ao longo das estradas nos territorios do automóbil. A casa convertese aquí nun obxecto illado, onde se ven reducidas as relacións e o impacto dos habitantes no seu contorno para encapsularse na mobilidade das redes.

Unha cidade pode ser unha casa se mantén a posibilidade de ser un lugar para todos, un espazo habitado no que a xente convive coa diversidade; onde a singularidade se enriquece coa experiencia colectiva, e o tamaño e densidade non son tan importantes como a interacción dos seus habitantes no espazo.

Usar unha rede física que percorre un territorio con distintos grados de humanización, como a Estrada Nacional 550 en Galicia, é unha oportunidade para reflexionar sobre a transformación provocada polos trocos nos hábitos de residencia, traballo e relación, sobre o impacto que producen na construcción do territorio, e a necesidade dun modelo que o articule permitindo o seu equilibrio. Un equilibrio entre residentes en espacios de menor e maior densidade edificatoria, que debera medirse pola súa interacción, pola diversidade e sociabilidade, polo aceso a dotacións que equiparen a súa calidade de vida e as oportunidades de traballo xeradas no seu contorno, para convertelo nun territorio-casa, nun lugar común e non nun conxunto de fragmentos-refuxio.

¿Unha cuestión de densidade?

Se reparamos no expresado antes caeremos na conta que non se usa o termo rural para contrapoñelo ao urbano, que estamos a falar de distintos grados de densidade dos asentamentos sobre o territorio, de persoas que viven conectadas por redes viarias en espacios de distinta compacidade e grao edificado, con diferente posibilidade de aceso aos seus recursos e dotacións. Este territorio transcende o ámbito urbano, os seus límites son os da mobilidade, os dos fluxos marcados polo lugar de traballo e residencia, e tamén os da indiferenza, a que provoca o incremento de superficialidade nas relacións entre persoas e a que se deriva da imaxe baleira do espazo onde se producen.

A lectura lineal que proporciona a observación do territorio ao longo da N-550 é sesgada ao repararmos no espazo máis urbanizado de Galicia e non contemplar a súa transversalidade, pero permítenos definir igualmente un tránsito variable a traverso de distintos fenómenos territoriais. Entre os máis destacábeis están aqueles urbanos no que as cidades máis importantes, Coruña e Vigo, medran por aglomeración dos seus núcleos centrais de xeito compacto e continuo debido á concentración de emprego e servizos, alcanzando densidades superiores aos 3.000 hab/km2, ao tempo que perden poboación cara os concellos limítrofes.

Estes concellos limítrofes, pertencentes á periferia metropolitana ou cidade difusa, son os espazos máis dinámicos da Galicia actual, cunha estructura social moi similar á dos núcleos compactos reciben poboación e crecen de xeito discontinuo con densidades entre 400-800 hab/km2, para ser o lugar onde se localizan actividades que non teñen espazo no ámbito da cidade central. Entre ámbolos dous ámbitos a N-550 perde progresivamente o senso tradicional de rúa para converterse nun alongamento de actividades e servizos apoiado no viario, compartido con bolsas residenciais que configuran a imaxe máis “urbana” dun crecemento suburbano. Esta localización periférica de novas actividades xeralmente terciarias ven relacionada coa construcción de novas redes (autovías, autoestradas, e agora o AVE) que especializan todavía máis os usos do territorio e as relacións dos habitantes situados ao longo da N-550, e daqueles que se conectan a ela de xeito transversal.

No ámbito inmediato a esta periferia urbana, a N-550 transita por un espazo caracterizado pola reducción do volume edificado e unha menor densidade, nestas segundas periferias aínda dinamizadas pola actividade urbana observase unha especialización en función das relacións coas areas metropolitanas, na que os núcleos tradicionais de aldea e pequenas vilas se mesturan cos recrecidos ao longo da estrada e os crecementos urbanos dispersos. Estas características ocupan ao longo da N-550 o tramo de máis superficie arredor da cidade de Vigo, dende Pontesampaio ao Porriño, facéndose tamén visíbel ao sur de Santiago de Compostela, con densidades superiores aos 200 hab/km2. É este un fenómeno recente onde non é igual o grado de ocupación, abandono e a especialización territorial, no que os seus residentes posúen a súa actividade principal en sectores urbanos, sexan urbanitas que ven asequible vivir nun entorno máis naturalizado, neorurais, ou os herdeiros dos vellos campesiños que comparten outros traballos coa actividade agrícola.

O que nos amosa este percorrido ao longo dos tramos máis activos e densamente poboados da N-550 é unha secuencia de límites discontinuos e diversos graos de relación con centros urbanos de distinta dimensión. Uns espazos nos que as estructuras agrarias aínda se mesturan con outras actividades, e onde os seus habitantes teñen hábitos urbanos de consumo pero se interrelacionan mal co seu contorno. Nesta urbanidade de límites difusos existe dificultade en atopar lugares de relación a medida que nos separamos do núcleo máis denso, a segregación social e funcional que os explica incrementa a distancia entre os habitantes, e a falla de accesibilidade tanto á centralidade que se pode recoñecer nos núcleos urbanos, coma a equipamentos e espazos públicos de proximidade, non permite adquirir a tódolos seus residentes o mesmo grado de cidadanía.

A casa manexase aquí coma peza básica desta “sopa de letras” territorial. Entre a súa acumulación en bloque á súa posición dispersa, estendida sobre unha parcela axardinada e delimitada por un valado, situase a expresión da actual urbanización. Entre o compacto e o difuso destas áreas os nosos hábitos correspóndense máis cos do noso instinto que cos da lóxica da razón, instalados máis en ocupar un amplo espazo que en agruparnos en colectividade. Neste ámbito nonos sirve o termo cidade para definir ao conxunto do espazo, nono podemos entender coma un todo porque aparece fragmentado, sen integración social e funcional dos seus habitantes nun espazo de calidade. Non todo pode ser considerado aquí a nosa “casa” porque descoñecemos unha gran parte que ademais non precisamos para habitar.

A densidade de poboación axúdanos a medir a concentración de habitantes, a densidade urbana o grao de concentración de actividades e vivendas, pero no ámbito desta cidade contemporánea extensa e difusa non son suficientes para caracterizar a habitabilidade territorial e medir a accesibilidade á información e ao intercambio que as concentracións urbanas deberan propiciar.

¿Unha cuestión de continuidade espacial?

Estamos acostumados a convivir coa continuidade e contigüidade espacial dos tecidos residenciais da cidade tradicional, aqueles nos que unha densidade poboacional media permite apreciar a existencia de diversidade social e rendibilidade dos equipamentos, transporte público e servizos de proximidade. Como observamos eso non se da por igual no territorio inmediato ás cidades que atravesa a N-550, manténdose no resto dos tramos unha necesaria separación física entre espacios antes diferenciados polo uso do solo, nos que todavía predominan os usos agrícolas, e nos que cada vez máis se comparten hábitos urbanos.

No territorio máis densamente poboado da N-550 observase como as formacións rurais de orixe, sen modificar a súa vella estructura densa e minifundista, adquiren unha condición suburbana. A superposición de novos obxectos construídos sobre a estructura rural deixa unha imaxe territorial manexada por criterios de localización ou preferencias de acceso sen respecto ao orde previo, sen un orde planificado, cun novo orde onde a distancia aos novos obxectos construídos non é casual, pero si o espacio que existe entre eles.

Estes espazos baleiros que perderon o seu uso agrícola marcan a falla de continuidade espacial que caracteriza ás periferias fronte á cidade tradicional compacta. Esta dispersión visualizase nun esponxamento de obxectos diversos e sen vertebración formal, unha paisaxe de lectura distinta á que identificamos como cidade, cun xeito de percorrido e relación baseado nas relacións dos obxectos respecto a todo o sistema metropolitano e ás súas múltiples centralidades. Neste ámbito predomina o transporte individualizado en coche, e os seus habitantes acostuman a realizar percorridos entre fragmentos baleiros que cobran senso como espazo previo a unha actividade que pode mudar de lugar en función dun mellor posicionamento.

Afastados dese territorio dos núcleos urbanos e das súas extensións, circulamos ao longo da estrada N-550 por un amplo espazo con distintos grados de ruralidade, a proximidade da vía amósanos unha paisaxe de vellas aldeas de caserio alterado ou abandonado e novas construccións, unhas vinculadas ás explotacións agrícolas e gandeiras, outras, as máis, ao servicio dos territorios transversais á N-550. A colocación aquí de moitas das gasolineiras, restaurantes de estrada, puticlubs, discotecas, expositores de mobles ou de maquinaria agrícola, resposta a unha economía de servizos. A posición e a distancia deses obxectos construídos, illados e aparentemente descontextualizados, non se mide tanto en relación ao sistema urbano coma ao espazo conformado pola malla de aldeas e a rede de estradas que as comunican facendo dese tramo da N-550 un escaparate, o espazo representativo dunha colectividade que agora posúe aceso a unha mobilidade que adquire o seu primeiro grado de relación nestes espazos fronte a estrada.

A N-550 fragmentase aquí en ámbitos locais, perde o carácter rexional en favor da autoestrada AP9, converténdose en fachada de obxectos construídos máis ou menos próximos segundo o nivel de actividade da poboación do contorno.

Usando a N-550 estamos a falar da ruptura de barreiras espaciais dentro da diversidade territorial, o que se manifesta de xeito máis evidente nas formas de urbanización das periferias urbanas, e de xeito máis profundo no troco dos hábitos dos residentes en calquera dos ámbitos territoriais que atravesa a N-550.

Alongar e separar, distanciar obxectos entre casa e casa caracteriza parte deste territorio contemporáneo que mide a cohesión social dende a individualización e a mestura de fragmentos. A pertenza a comunidades de intereses diversos deixa de estar fundada na proximidade ou na densidade demográfica local. A dinámica das redes de servicios sustituen á estática dos lugares edificados para condicionar mentalidades e comportamentos urbanos onde os transportes e telecomunicacións involúcrannos en relacións cada vez máis numerosas e variadas.

¿Unha casa + unha casa = 6 coches?

En calquera tramo da N-550 podémonos atopar con que a superficie dos coches dos residentes na casa duplica á dos espacios comúns desta, en moitos dos casos o tempo que pasamos no coche supera ao adicado á convivencia neses espacios; e mesmo si o número de habitantes por vivenda viuse reducido á metade en Galicia nos últimos trinta anos, incrementando a cantidade do espazo por persoa ao interior da casa, en moitas das casas de máis de dous integrantes todos teñen coche e individualizan o seu uso, deixando como imaxe a do vaciado espacial da casa nunha sociedade que se estructura a partires dos espazos abertos entre fragmentos, e que asume a mestura de paisaxes como fondo e prolongación de si mesma.

Falabamos ao escomezo deste artigo do illamento regresivo da casa cando na vez de ser parte dun conxunto, unha parte dentro dun todo, un todo dentro dunha parte, a casa convertese nun obxecto illado, nun refuxio dentro dun territorio hostil. Mesmo se é excesiva esta caracterización, o que con esta imaxe tento representar é o aumento do illamento dun grupo cada vez máis numeroso de persoas respecto do seu contorno, non tanto porque fisicamente ao longo da N-550 podamos atoparnos con elementos illados, casas ou naves-casa que gardan os servizos que venden os seus residentes, senón pola existencia de residentes que non interactuan localmente. Cada vez máis hai xente que traballa e procura o seu ocio fora do seu lugar de residencia-dormitorio, outros son donos dun “castelo amurallado” cheo de aparellos que os axudan a moverse independentemente da súa localización, e os máis dependen do uso do coche privado para alcanzar outros ámbitos de relación.

Todo esto ofrece outras moitas lecturas: a da fragmentación espacial que parte da propia residencia e se estende no territorio; a da dispersión dos integrantes da casa que se manifesta na segregación social do seu contorno; a da monofuncionalidade da casa que divide os tecidos en pezas residenciais, industriais e de servizos; a dun novo espazo sen recoñecemento institucional, necesitado dunha nova lectura global e supramunicipal que permita unha xestión eficaz das áreas urbanas e dos espazos rurais para asegurar o desenrolo solidario e sostíbel do territorio.

Nestas situacións, malia a proximidade que exista entre os obxectos construídos, a pesares da densidade e da continuidade espacial do tecido do que forman parte, a casa non é parte dun todo, non é “cidade” nin os seus residentes crean vínculos externos, non existe continuidade entre a casa e o seu contorno. A casa é aquí unha plataforma de saída cara outros ámbitos, e a cidade disgregada e estendida no territorio non é a casa de todos.

*Antonio García Fernández é arquitecto, Máster en Diseño Urbano pola Technische Universiteit Delft-Holanda. Delegado de España na rede XIV-E do AECI-ICI para a mellora da vivenda e os asentamentos rurais iberoamericanos (1998-2003). Profesor de proxectos e urbanismo en Cesuga UCD-Dublín dende 2002, investigador do ULAB da TUDelft dende 2009, e autor de varios artigos e libros sobre as transformacións da vivenda e do territorio en Galicia, entre eles “25 Casas de Galicia, arquitecturas da urbanización difusa”, “Outras casas outros hábitos”, e “Vivenda colectiva, vivenda protexida. Social Housing in Galicia”. www.garcia-somoza.com, www.edicions-espontaneas.com


, , , , , , ,

1 Comentario

  1. Interesante visión del contexto de una carretera en la conectividad de las urbes, dejando la inquietud respecto a ese artefacto de cuatro ruedas que se apodera del espacio territorial de manera avasalladora. Que por una parte ayuda a conectar, pero por otra se apodera de suelo de manera implacable.
    Una mirada a la segregación social, que es la lepra del siglo XXI y que con la cada vez mayor distancia entre los ricos y los pobres, se vuelve insostenible…
    Excelente trabajo, felicitaciones por lo desarrollado, y aprovecho de felicitar a Tony con la pagina de Ediciones Espontaneas, que esta cada día mejor!!!!.
    Saludos!
    Carlos.

Links

Envia un comentario:

N-550. Unha casa non é unha cidade, pero unha cidade si pode ser unha casa

EE funciona bajo Wordpress. Theme unstandard modificado y traducido por pgfernandez.es