.

enenenen

 

 

METROPOLITANIZAR ¿como habitar entre cidades? (EXPOSICION)

Apr 23rd 2012
No Comments
responder
trackback

METROPOLITANIZAR ¿como habitar entre cidades? from edicions espontaneas on Vimeo.

METROPOLITANIZAR ¿como vivir entre ciudades?

EXPOSICIÓN COAG. Colexio de Arquitectos de Galicia A Coruña 12Abril-11Maio

Esta exposición resume o traballo do taller de proxectos de 4º curso que coordino en CESUGA-University College Dublin, que investiga o contexto metropolitano Coruña-Ferrol e as súas potencialidades de rexeneración como base de estratexias de integración socio-espacial. O interese da exposición é tratar de compartir a reflexión sobre o uso que facemos do territorio, entendendo por METROPOLITANIZAR a acción de dimensionar un ámbito metropolitano para que o seu territorio encontre o equilibrio ambiental e a cohesión social. Preguntando Como habitar entre cidades?, interrogámonos sobre a necesidade de dar resposta á mellora da calidade de vida dos habitantes das Áreas Urbanas, e ao futuro da nosa vida en colectividade.

METROPOLITANIZAR. Inauguración EXPOSICION from edicions espontaneas on Vimeo.

Os últimos vinte anos de transformación territorial en España, viñeron acompañados da expansión física dos procesos de urbanización, caracterizada pola “colonización” con descontinuidades espaciais do espazo rural, o consumo desmedido e con frecuencia descontrolado do solo, e a superación dos límites administrativos tradicionais.

Máis de 36 millóns de españois viven xa en Áreas Urbanas, un 80,7% da poboación total, e nelas encontramos unha proporción aínda maior dos seus empregos e actividades económicas. As consecuencias deste incremento das relacións en espazos cada vez máis amplos e urbanizados alentan o proceso de difusión da cidade no territorio, e unha nova forma de poboamento na que cada vez máis habitantes residen en espazos situados entre as cidades e vilas que aglutinan as áreas urbanas.

Os retos que estes cambios formulan son xa evidentes para a conciliación da vida laboral e familiar, para o medio, para a eficiencia enerxética, a contaminación e xestión de residuos, para a planificación e xestión de infraestruturas e servizos públicos.

A fragmentación territorial que xerou este proceso incrementou nun 29,5% a superficie de chan artificial (na súa maioría, urbanizado). Á que hai que sumar a fragmentación social, a discriminación por ingresos económicos e o incremento da diferenza de calidade de vida segundo a situación do lugar de residencia.

En Galicia, a partir dos anos oitenta do pasado século acelerouse o crecemento espacial das cidades e a reorganización dos espazos centrais das áreas urbanas. Iniciouse e xeneralizouse, afectando tamén ás pequenas e medianas cidades, a difusión da cidade no territorio, e o incremento dos consumos de solo. Desbordáronse os ámbitos administrativos municipais e, ante a ausencia de marcos administrativos e de xestión axeitada, agudizáronse os problemas de desarticulación metropolitana, de abandono do rural, de conflitividade territorial no litoral e nos bordos máis dinámicos das áreas metropolitanas. Neste desgoberno do territorio os instrumentos de ordenación dispoñibles, urbanísticos ou territoriais, son pouco ou nada axeitados para a necesidade de controlar e dimensionar esta nova fase dun proceso de urbanización que en Galicia é moi novo e intenso.

Dunha forma moi rápida, produciuse unha verdadeira “ruptura histórica” co modelo tradicional de cidade compacta. Son os efectos do cambio tecnolóxico e do consumo, e as nosas cidades máis dinámicas están inmersas en procesos que as europeas tiveron que afrontar en décadas anteriores.

Hoxe vivimos unha conxuntura marcada por unha profunda reorganización do espazo interno da cidade, a nivel social, funcional e morfolóxico, así como pola configuración de novas formas de crecemento e tipoloxías de áreas urbanas como os espazos de ocio, os polígonos sen industria, os espazos naturalizados, as urbanizacións pechadas ou amuralladas, os centros periféricos, etc., formulando múltiples interrogantes sobre a sostibilidade das novas formas de organización da cidade e o territorio.

O cambio territorial, funcional e social é moi profundo, e non obstante, non se lle prestou a atención política e social debida, a pesar da súa dimensión e o alcance desta nova realidade territorial, o seu recoñecemento é limitado tanto no campo das políticas públicas coma no seu tratamento e análise científica, e ao non o ter en consideración está a xerar hipotecas ambientais, económicas e sociais.

Probablemente é nos procesos metropolitanos onde de forma máis clara se manifesta a nova condición do urbano e a escala e organización da cidade real contemporánea. Na súa aceptación máis básica unha área metropolitana é unha área urbana polinuclear que conforma un mercado unitario de residencia e traballo, e supón un aumento de escala do espazo de vida colectivo.

Xa habitamos nesa nova dimensión urbana, a cidade contemporánea fai parte do territorio sen que definísemos os seus límites e sen coñecer aínda a extensión das súas relacións. Non podemos negar a súa existencia, é un espazo cheo de contradicións e oportunidades que debemos pensar en escalas e ámbitos diversos, do territorio á cidade, da globalidade ao seu contexto rexión.

A Universidade e a formación dos futuros arquitectos deben participar dos procesos de transformación do noso territorio, e ofrecer á sociedade a súa reflexión sobre alternativas á súa mellora, fomentando un enriquecemento ético e o debate de ideas dende a función social do arquitecto. A Universidade pode ofrecer unha perspectiva global integradora que debera axudarnos a entender cuestións centrais para a sostibilidade territorial e urbana, como son as relacións e as interdependencias entre as diferentes partes das áreas urbanas; entre as grandes cidades, as medianas, as pequenas e os núcleos rurais. Valorando o protagonismo das novas funcións dos territorios, o papel da cidade na aglomeración e no territorio, ou os efectos ambientais da xeneralización do modelo de cidade dispersa que consume solo de forma indiscriminada e entra en conflito coa vida en comunidade e os valores da cidade compacta.

METROPOLITANIZAR. Making of EXPOSICION from edicions espontaneas on Vimeo.

TALLER DE PROXECTOS

Esta exposición resume parte do traballo do taller de proxectos de 4º curso de CESUGA-University College Dublin 2010-2011, que investiga o contexto metropolitano Coruña-Ferrol e as súas potencialidades de rexeneración urbana como base de estratexias de integración socio-espacial. Se o interese desta exposición é tratar de compartir a nosa reflexión sobre o uso que facemos do territorio, por METROPOLITANIZAR entendemos a acción de dimensionar un ámbito metropolitano para que o seu territorio encontre o equilibrio ambiental e a cohesión social. Coa acción de METROPOLITANIZAR afirmamos o interese por dar unha resposta ao ámbito no que xa reside a maior parte da poboación. Preguntando Como habitar entre cidades?, interrogámonos sobre a necesidade de dar resposta á mellora da calidade de vida dos habitantes das Áreas Urbanas, e ao futuro da nosa vida en colectividade.

O taller afronta grandes temas que hoxe en día conforman a evolución das cidades e a vida en áreas urbanas, conservación-protección fronte a renovación, contención fronte a crecemento ilimitado, concentración (modelo da cidade europea) fronte a dispersión (modelo norteamericano), multifuncionalidade fronte a especialización, ou integración e cohesión fronte a segregación e fragmentación. As clases do taller apoian o desenvolvemento dunha metodoloxía propia para cada alumno, fomentando na cultura arquitectónica a sensibilidade cara á súa dimensión territorial, afondando nos mecanismos proxectuais da formación e transformación da cidade, e adquirindo capacidade crítica de diagnose de problemas, e formulación de alternativas.

Dende o punto de vista da sostibilidade económica, social e ambiental, as propostas do taller tratan de dar valor aos nosos recursos, traballando con aquilo que podemos activar para ser competitivos, destacando que para desenvolvernos non é necesario o consumo indiscriminado do chan, e para solucionar os desequilibrios no sistema de poboamento, e a desarticulación territorial é necesario recoñecer a dimensión da nosa actividade social e económica no territorio.

OBXECTIVOS

No taller introdúcese o alumno na planificación, a ordenación territorial e o deseño da cidade. Para iso integramos visións interdisciplinares que permiten un enlace entre o plan estratéxico, a transformación territorial a escala metropolitana, o desenvolvemento local nun pequeno municipio da área urbana, e a reflexión crítica sobre o uso actual de conceptos e técnicas existentes na planificación urbanística. Servindo de base para que o alumno desenvolva proxectos urbanos de pequena e grande escala, comprendendo dende o seu proceso de creación que o feito do deseño e construción dun proxecto arquitectónico é unha acción indivisible da planificación urbana e a transformación do territorio.

A metodoloxía deste curso consolida a desenvolvida nos tres anos anteriores do bachelor of architecture, baseada nas escalas da aldea, o barrio e a cidade, a través do coñecemento e análise de datos, o desenvolvemento de conceptos e ideas, e na definición de resultados, comprendendo que o obxecto arquitectónico se explique no territorio e co seu ámbito inmediato en todas as fases de proxecto.

Nesta exposición podemos observar propostas de distintos grupos de alumnos, que partindo de problemas e potencialidades a escala metropolitana e local, promoven a ordenación do espazo entre Coruña-Ferrol a través de estratexias que implementan novos usos territoriais e potencian os existentes co fin de mellorar a cohesión territorial, multiplicando as relacións funcionais, e reforzando a diversidade social.

A escala local nestes dous cursos sitúase nas Rías de Betanzos e Ares. A súa integración na área urbana Coruña-Ferrol e o dimensionado do seu crecemento formúlase dende a activación das súas potencialidades a nivel rexional, metropolitano e local. As propostas concentran nas vilas de Betanzos e Ares o seu posible crecemento, o que permite discutir o seu modelo urbano dende o deseño dun novo barrio a escala dunha vila, ao deseño dun ensanche en relación á rexeneración do seu centro histórico.

O deseño de estratexias metropolitanas e locais que se complementan a distintas escalas do territorio permite implementar usos que tratan de dar resposta á mobilidade, economía e inclusión social, co fin de mellorar a cohesión territorial. O alumno manexa ao longo do ano a escala territorial dende a reflexión das redes existentes ao espazo entorno aos edificios, ata chegar ao deseño dun edificio resultado das estratexias formuladas.

O proxecto arquitectónico xorde dende a formulación dunha necesidade real identificada no traballo en grupo, os mercados ou centros de investigación que se poden observar nesta exposición estenden a reflexión sobre como ha de ser construída a cidade actual para que manteña ao mesmo nivel o seu poder de xerar riqueza espiritual, cultural e económica para cada un dos seus habitantes. Estes proxectos investigan e imaxinan como han de ser os edificios e espazos públicos que o permitan, os aquí presentados foron escollidos pola súa proposta de programa, que trata de enriquecer a relación nos barrios e discute como facer cidadáns os seus residentes.

Toni García

Coordinador Taller de Proyectos 4º curso

CESUGA-University College Dublin


, , , , , , , , , , ,

Sen comentarios

Envia un comentario:

METROPOLITANIZAR ¿como habitar entre cidades? (EXPOSICION)

EE funciona bajo Wordpress. Theme unstandard modificado y traducido por pgfernandez.es