En Abril de 2007 viaxaba a Haiti como consultor para un proxecto de mellora do casco vello da cidade de Jacmel, situada ao Sur da capital Port-au-Prince. Nestes momentos de catástrofe para ese país, preocupado polos amigos que ali deixei e polo seu futuro, quero rescatar as imaxes e o texto que publicaba en 2008 como lembranza da profunda desigualdade que coñecín e os animos de moitos que loitaban pola sua mellora, que espero non esmorezan agora que tanto os necesitan.
Para colaborar coa reconstrucción de Haiti visita www.architectureforhumanity.org
Port-au-Prince desenvolveuse no último cuarto do s.XX de forma desordenada, dominado por establecementos informais situados nas marxes das súas vías, entorno a un anel de distritos que parten do centro político da cidade. Aproximadamente 1,3milliones de persoas viven na capital, e 3,5 millóns na zona metropolitana. Case que o 80% de habitantes da cidade viven baixo o umbral da pobreza e a maioría de residentes non ten traballo fixo ou está infraempregada. Un 40-85% estimado dos residentes metropolitanos vive en refuxios e choupanas carentes de infraestruturas e servizos básicos, sen saneamento, sen auga, nin luz e sen control da propiedade. Moitos destes asentamentos forman conxuntos densos e moi poboados, tales como A Saline, Bel-Air, Martissant, Citei Soleil, nos que a informalidade do seu desenvolvemento se completa cunha organización social de supervivencia, lugares improvisados de intercambio de produtos, ou servizos básicos. Esa extensión informal segue absorvendo a rápida inmigración cara á capital, crecendo nas áreas periurbanas e arredor doutros suburbios de clase media tales como Pétionville, Delmas e Carrefour.
HAITI. Port au Prince I from edicions espontaneas on Vimeo.
A falta de planificación e o desenvolvemento imprevisto da urbanización da área metropolitana agudízase pola falta de gobernabilidade, a carencia de capacitación, a ausencia de control e administración ineficaz do solo. Ao que se engaden graves problemas ambientais (saneamento, augas residuais, desastres naturais e humanos, incendios e furacáns), unha económia de subsistencia, inseguridade, a falta de infraestruturas e servizos, e inestabilidade sociopolítica.
Haiti. Port au Prince II from edicions espontaneas on Vimeo.
Viaxando ao longo das vías principais da cidade a paisaxe percíbese como un conxunto de fragmentos urbanos, composto por construcións inacabadas situadas entre outeiros, por onde camiña a xente que intercambia as suas mercadurias. Nos suburbios da clase media non hai actividade pública nas rúas, esta queda oculta entre muros que encerran os seus restaurantes e exclusivos hoteis, tendas, edificios e casas, negando a convivencia e construíndo unha cidade individualista refuxiada no medo á violencia.
chabolismo, Cidade, cidade informal, emigración, Haiti, Port au Prince, sostenibilidade, urbanizacion, vivenda






Sen comentarios
Envia un comentario: