Vimos de pasar 22 días na República Dominicana desenvolvendo un Plan de ordenación do parque natural e arqueolóxico de La Isabela, no noroeste da Illa, nun espazo natural excepcional e aínda sen un gran desenvolvemento turístico, malia estar declarado como zona de interese turística.
Foi moi interesante o traballo coas comunidades rurais na toma de decisións, e a necesidade de implementar un modelo de xestión participativo, ao igual que cuestionar ao turismo como a única posibilidade de desenvolvemento identificada pola poboación, poñendo en dúbida o modelo de desenvolvemento baseado nun turísmo que creceu de costas á comunidade, atraendo un tipo de turista que chega interesado en gozar do “todo incluído”, pechado nun complexo hoteleiro e sen interacción cultural co medio.
O Noroeste foi o primeiro destino turístico da Illa, e agora as súas grandes instalacións que privatizaron gran parte da costa están case baleiras, con ocupacións moi baixas, e unha deterioración ambiental difícil de rexenerar. Percorremos esta costa observando está transformación, e parámonos en Sosua para gravar esta reportaxe entre as ruínas dun hotel abandonado, ao lado doutro en construción, en primeira liña dunha costa á que un dos últimos furacáns deixou sen apenas area na praia… o que nos fai reflexionar sobre que sucederá con esta costa no futuro, e se o turismo desaparece, ¿poderá rexenerarse?, como?, a que se adicará a súa poboación?.
Sosua I - Rep. Dominicana from edicions espontaneas on Vimeo.
Este tipo de actividade turística é insostible. Estase a formular un cambio de modelo, buscando unha maior interacción dos visitantes coa poboación local, para frear a deterioración do seu contorno, impulsando un proceso de toma de conciencia sobre os valores locais culturais, sociais e naturais. Aínda que isto non será suficiente se o labor non comeza pola mellora na calidade de vida dos seus habitantes, relegados ao servizo dos investimentos internacionais.Existen poboacións ao longo da costa dende Porto Prata, como Sosua ou Cabarete, que foron transformadas radicalmente, e necesitan tanto dunha rexeneración ambiental, coma da mellora de calidade de vida dos seus habitantes. Podemos ver neste video o percorrido dende o hotel veciño ao abandonado, ao longo da estrada que une Sosua con Puerto Plata, como en primeira, segunda e terceira liña de praia, se acumulou un crecemento desordenado de bloques, vivendas unifamiliares e instalacións para o ocio turístico. A imaxe deste territorio para o “ocio” internacional non contrasta en exceso cos asentamentos informais de barracas, onde vive gran parte da poboación. Esta internacionalización banal da paisaxe fainos pensar na fraxilidade das economías baseadas en negocios efémeros e estacionais, dependentes da visita de habitantes doutros países, e no rápido que se localizan e deslocalizan infraestruturas deixando tras de si o rastro da transformación profunda dunha sociedade e do seu modo de vida.
Sosua II - Rep. Dominicana from edicions espontaneas on Vimeo.
equilibrio territorial, medioambente, República Dominicana, sostenibilidade, Territorio, Turismo






Sen comentarios
Envia un comentario: